Durante décadas, o nome “Fusarium oxysporum” foi sinónimo de alarma no mundo agrícola. Este fungo do chan, invisible a primeira ollada, foi responsable de estragar cultivos enteiros e provocar perdas millonarias. Con todo, nun xiro que parece sacado da ciencia ficción, hoxe perfílase tamén como unha ferramenta clave para a minería do futuro.
A súa historia é unha desas nas que a natureza nos lembra que nada é totalmente bo ou malo: todo depende de como se mire… e de como se use.
Como inimigo nos cultivos
É coñecido pola súa capacidade de causar a temida “fusariosis vascular”. Ataca ás raíces, coloniza os vasos condutores, provocando o secado e a morte da planta. Tomates, plátanos, legumes, pementos ou melóns: poucos se libran do seu alcance.
Un dos casos máis dramáticos foi a chamada “enfermidade de Panamá” no banano, causada por unha das súas cepas máis agresivas. Durante o século XX arrasou plantacións en América e Asia, e aínda hoxe segue sendo unha ameaza latente para as variedades comerciais.
O seu poder destrutivo é tal, que a finais dos anos 90 do século pasado, o goberno de EE.UU. propuxo usalo como arma biolóxica para eliminar plantacións de coca en Sudamérica. Ísto xerou unha gran controversia internacional e finalmente descartouse polos seus riscos ecolóxicos e éticos. Pero serviu para evidenciar a capacidade deste fungo para devastar ecosistemas enteiros se se saca de contexto.
Como esperanza cara a unha minería sostible
Desde os anos 2000 ata a actualidade multiplicáronse os estudos sobre a sorprendente habilidade de certas cepas deste fungo para transformar os metais, abrindo así un camiño esperanzador, non só á biotecnoloxía aplicada á minería, senón tamén a súa aplicación na biorremediación de chans ou os seus posibles usos na fabricación de catalizadores e materiais electrónicos sostibles.
Un dos últimos estudos, realizado por investigadores da Organización Científica e Industrial da Commonwealth (CSIRO) en Australia, achou que este fungo é capaz de extraer nanopartículas de ouro en certas superficies. Sen dúbida, un descubrimento que pode marcar o camiño de transición cara á sustentabilidade da industria mineira, nun futuro, cada vez máis próximo.
Conclusión: de ameaza á oportunidade
Así pois, a investigación científica móstranos que mesmo os organismos máis temidos poden converterse en aliados se aprendemos a entender a súa linguaxe e a canalizar o seu potencial.
Quizá dentro duns anos, cando escoitemos o seu nome, xa non pensemos en campos secos e mortos, senón nun axente aliado para restaurar o equilibrio entre progreso e natureza.